Nacen ONDA e embaixada.gal

Nacen ONDA e embaixada. gal, as dúas novas plataformas da diáspora galega do s. XXI.

A emigración é un fenómeno que envolve unha gran historia cronolóxica. A crise económica, a recesión e a falta de emprego dos últimos anos deu paso a un novo éxodo internacional. Ante a modernidade, as circunstancias sociopolíticas, unha economía globalizada, a aparición das redes sociais, as novas tecnoloxías e a necesidade de visibilizar, divulgar e darlle voz ás novas inquietudes da diáspora galega do século XXI, ONDA e embaixada.gal, xestan un novo formato de asociacionismo máis económico, máis global, máis completo, máis políglota, con asesoramento, con xente cualificada e cunha capacidade de alcance máis importante e nova.

ONDA, anagrama do observatorio da nova diáspora, é unha iniciativa xurdida das conversacións con varias persoas da diáspora en Galicia. “ Hoxe en día, as perspectivas sobre a emigración son moi variadas. Perdura unha visión sentimental e dramática que invisibiliza e silencia aos seus protagonistas. A emigración é algo inherente na sociedade galega, as súas raíces afúndense no pasado e maniféstanse nas sucesivas diásporas da era moderna. A súa importancia é fundamental na construción da identidade. Os propios símbolos de Galicia como o himno e a bandeira nacen na emigración. ONDA créase tras comprobar que a voz e a obra dos emigrantes está ausente do debate social. É necesario elaborar un novo discurso que erradique o estereotipo imposto de “ o galego non protesta, emigra ” Así se dirixía aos lectores deste medio, Pepe Sendón, unha persoa moi vinculada ás actividades culturais, teatrais e musicais, tradutor, guionista, escritor, letrista e creador deste amplo proxecto. O observatorio da nova diáspora pretende ser un punto de encontro permanente para unha emigración que quere mostrar sen prexuízos as vivencias e a cultura que nace nas sociedades de acollida. O concello de Santiago acolleu a proposta con gran entusiasmo e cedeu como sede permanente de ONDA, o Centro Cívico do Romaño.

Así mesmo, chega desde Europa embaixada.gal, unha non menos ambiciosa, plataforma informativa e participativa fundada por galegos e galegas da nova diáspora do século XXI localizada en diferentes países de Europa e fillos de emigrantes residentes en Galicia.

Ambas as iniciativas pretenden estudar, localizar, recoller e mostrar a produción artística, cultural e intelectual dentro e fóra de Galicia, ser un espazo aberto ás propostas e ideas dos transmigrantes e favorecer as achegas da mestizaxe entre culturas.

Os próximos días 20, 21 e 22 de xullo, ambas as asociacións tomarán forma como organización cidadá no Primeiro Encontro que se celebrará no Centro Sociocultural do Romaño de Santiago de Compostela. Neste Primeiro Atopo-Festival-Mostra poderase gozar, entre outras cousas, de exposicións, arte, música, cinema, literatura e debates de mans de artistas da diáspora galega.

Un fin de semana intenso ao que pode acudir todo o mundo para participar nunhas xornadas cargadas de experiencias e propostas da diáspora galega do século XXI.

One thought on “Nacen ONDA e embaixada.gal

Deixa una resposta a Un comentarista de WordPress Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *