Ialma de xira por Suecia e Noruega

Non hai unha asociación máis clara que a da palabra “camiño” coa cidade de Santiago (Santiago de Compostela), especialmente cando esta asociación é levada a cabo por un dos seus embaixadores máis orgullosos, IALMA, estas 4 cantareiras encantadoras quen, despois de case 20 anos, cantan, tocan e bailan a súa rexión, Galicia, en todo o mundo.

Desde os seus comezos e Palabras Darei, o seu primeiro álbum, percorréronse tantos camiños …

Un camiño invicto en cuxos desvíos a miúdo experimentamos, inesperadamente, encontros cheos de descubrimentos; camiños que cheiran a aventura e liberdade; pasaxes escarpados que sementaron a dúbida de que camiño seguir; segue ese xiro en Ou, a fonte de novas experiencias; pegadas que se cruzaron con moitos artistas de diferentes universos, con quen non dubidaron en camiñar … unha pequena parte da súa viaxe, como Mercedes Peón, Doce Pontes, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Eliseo Parra, pero tamén Arno, Zefiro Torna, Philippe Catherine, Renaud, Dick Van der Harst, Urban Trad, Perry Rose, …
Mentres son residentes de Bruxelas, Eva, Marisol, Natalia e Verónica están en contacto próximo e vital coa súa rexión de orixe, Galicia. A súa cultura e as súas tradicións son, de feito, a súa fonte inesgotable de inspiración, que lles permitiu construír, aos poucos, un repertorio de cancións e danzas tomadas das súas raíces, pero adaptadas á súa nova realidade, a das mulleres de hoxe, en contacto con varias culturas, varios idiomas, varias estéticas musicais.

IALMA é a referencia desta evolución musical e artística que comezou na tradición oral de Galicia e logo aventurouse nunha mestura sorprendente, cunha nova xeración de ritmos e tendencias.

«Descubrir novas culturas musicais permítenos expandirnos e coñecernos mellor»: esta é a mellor forma de definir a evolución do grupo, contribuíndo así a perpetuar, renovar e garantir a evolución deste tipo de música.

Enquisa realizada por Raquel Sertaje, membro de embaixada.gal, para a casa galega de Copenhague durante a xira de Ialma por Suecia e Noruega.

1. Contádenos un pouco como se coñecen as compoñentes de Ialma e como deciden comenzar un grupo de folk Galego en Bruxelas.

Nacemos en Bruxelas, fillas de nais e pais que emigraran. En tódalas emigracións cómpren  puntos de encontro e, no exterior, probablemente a música sexa o máis doado para se xuntar a partir do que temos. Coñecémonos de cativas. Todas bailabamos.

Viñan a miúdo mestres dende Galicia para nos aprender a bailar. Unha vez veu Carlos Xosé (de Cantigas en Santiago) e dixo “para esta danza cómpre cantar, quen quer cantar?”. As voluntarias daquel día acabamos compoñendo IALMA.

Despois, nunha das festas, veunos ver Didier Melon (do programa La Première RTBF “Le Monde est un village”) e propuxo gravarnos. El realizou a primeiriña gravación de todas, que nós non temos.

Logo descubriunos a casa EMI, que nos gravou o primeiro disco. Fará disto vinte anos o ano que vén.

En Bruxelas naceron varios grupos folk. CAMAXE, gravou un disco. OS PUNTEIROS DE BRUXELAS, gravaron unha cassette. Con todo, a primeira gaita que oímos foi nun disco flamengo,  “FLANDRIA TROPICAL”.

Tamén tivemos a influencia e axuda dos primeiros grupos folk que viñeron de Galicia: Fuxan os ventos, Xocaloma, Saraiba., .. En Bruxelas hai un festival de música folk e jazz, BROSELLA, que este ano celebra 42 edicións, e que na súa primeira edición xa contaba cun grupo galego.

2. Vós sodes fillas de pais emigrantes pertencentes a un contexto histórico moi difícil. Teredes presente a súa loita nun país estranxeiro, adaptándose a unha cultura diferente, a outro idioma. Pero vós nacíchedes nun país multicultural e democrático. Como se entende Galicia desde esa perspectiva?

Para nós é ter dúas culturas. Enriquéceste das dúas e podes valorar tanto unha coma a outra porque as coñeces, coñeces as diferenzas e mailas similitudes.

Nacer e medrar en Bruxelas -capital de tantos cruces- supón unha influencia de moitas culturas, non só a belga. E seguramente ser belga hoxe en día consiste precisamente niso. A vida é comunicación, intercambios e encontros. Tanto nas músicas como nas linguas, nas xuntanzas, no comer, no celebrar… iso é o bonito, esa é a riqueza.

Hai quen se sinta tan estranxeiro aló como aquí. Outras sentímonos tan de aquí como de aló.

Os nosos pais transmitíronnos a memoria do que viviron, dos traballos e sacrificios que pasaron para que nós puideramos ter mellor vida, e da súa loita. A loita de nosos pais era para pola democracia, pola democracia en xeral. No club “Federico García Lorca” xuntabámonos nenos e nenas de toda España. Tiñamos pañoletas vermellas e aprendiamos cantos revolucionarios, escoitabamos a Dolores Ibarruri… así eran as nosas mañás de domingo. A queima da embaixada de España en Bruxelas é un recordo de infancia, difícil de esquecermos.

Ademais da loita, aprendemos a celebrar a vida. A maneira de rematar en festa era sempre con gaita, fose galega ou asturiana, pois unha grande porcentaxe da emigración en Bruxelas viña de Asturias. Só trala fin da ditadura cobraron importancia as identidades.

En Europa, case todos os Centros Galegos se crearon trala morte de Franco, non nos anos vinte trinta como na América, entre outras razóns porque a emigración aquí foi máis tardía. O de Centro Galego de Bruxelas naceu no 1979 e foi dos primeiros.

A mellor maneira de manter a lingua era a través do canto. Se non cantásemos, nas emigracións non se falaría en galego. Hai quen o vía como un insulto e dicíannos “fala crisitiano, que non sabes falar”. Había vergoña de falar galego, e moitas e moitos atrevéronse a falar galego abertamente só ao abrir os centros, e poder xuntarse con outros galegos.

Un grande cantautor belga, Wannes Van De Velde , falecido non hai moito, lembra que en Antwerpe había sempre un gaiteiro no porto para recibir á xente galega, porque os galegos case sempre chegaban por mar, e aló vai tanto frío e é tan mesta a brétema, que seguro que lles prestaba sentir o son da gaita cando chegaban. Moitos anos despois, IALMA fixemos unha xira con el, e Wannes Van de Velde, sempre contaba a historia do gaiteiro de Amberes.

3. Como credes que as novas xeracións de galegos viven a emigración?

Hai varias xeracións.

Hai as terceiras e cuartas xeracións que naceron no pais, netos e bisnetos de galegos. E hai a xuventude que aínda está chegando.

A cuarta xeración vai perdendo o sentido de identidade galega. Unha, porque van desaparecendo os centros, é pena pero é así. E outra porque os nenos xa non se xuntan, xa non senten a necesidade de xuntarse, pois están integrados, e iso é bonito. Son belgas. Se ben, cando van a Galicia de vacacións séntense galegos. Algo sempre queda.

A mocidade que chega como novos emigrantes, lembra ás veces como eran nosos pais. Hainos que chegan e o que queren é desesperadamente tocar a gaita (sorrisos). Séntense profundamente galegos pero na obriga de atopar traballo fóra, por moitos estudos e diplomas que teñan. Teñen outra forma de xuntarse: utilizan a tecnoloxía, non precisan de centros e xúntanse nos bares. Son emigracións que viaxan moito; non son dos que quedan trinta ou corenta no mesmo país. Teñen a riqueza de saber varios idiomas e móvense moito máis dun país a outro.

Antes ías a Galicia una vez por ano, se ías… Hoxe hai facilidade para viaxar. Antes ser emigrante era unha loita. Hoxe a pena é que moita xente preparada marcha fóra, porque na terra non hai perspectivas. Coñecemos unhas mozas, con estudos avanzados en cosmética e cousas desas, en Galicia malvivían limpando farmacias. Aquí trátanas como grandes científicas.

4. Que papel ten a música na perpetuación da cultura galega? Credes que é fácil de entender fóra das nosas fronteiras?

A musica galega ten moitísima riqueza. Xa quixeran moitos ten tanta variedade de ritmos, melodías poesía… ten moita forza.

A música galega fai vibrar, sorrir, compartir, participar, aplaudir… é unha musica que fala, que che entra por dentro e que expresa ben moito máis có que adoito pensamos. É unha musica que une os pobos e que non entende de fronteiras. É unha música que ten influencias e que influencia moitas outras músicas. Calquera ser humano neste mundo se pode identificar con ela. Chega a todo o mundo. Só hai que ver a xente vibrar cando escoita os nosos cantares.

Temos cantado e conectado en galego polo mundo enteiro. Un exemplo bonito é cando fomos a países como Taiwán e cantamos diante de 10.000 persoas cun cartel -en galego- que dicía “Ialmaquerémosvos”. Ao baixarmos do escenario xa estaba o noso disco pirateado e vendíano a un euro.

En calquera lugar do mundo pode ir tocar un grupo galego. A música galega é un selo de calidade.

5. Na vosa música hai moito de morriña, pero tamén de positivismo e esperanza. Que mensaxe queres dar co voso novo álbum “Camiño (De Bruxelas a Santiago)” a Galicia e aos galegos de hoxe en día?

Cremos que hai razóns para a autoestima. Cremos que paga a pena saber quen es e de onde vés, conservar a identidade e, sen medos, exercer polo mundo de galegas, pois non somos máis nin menos ca ninguén.

A morriña transmítenola a xente maior que nos ven falar tralo concerto. Xente á que lle damos a posibilidade de recuperar a súa memoria, e coa que quedamos en contacto.

Mais aínda que falemos desa memoria nos concertos, nós queremos ir alén. Queremos continuidade, implicación, positivismo e esperanza, vivir no presente. Queremos mellorar e alegrar o mundo.

Este proxecto é como unha misión, unha misión de transmisión. Queremos que cando remate o concerto as persoas sintan forza para avanzar, para seguir o camiño.

Unha das máis bonitas anécdotas foi unha nena árabe que sempre ría de súa avoa cando cantaba na cociña e que despois de escoitarnos dixo que lle ía pedir a súa avoa que lle aprendese algún cantar. Pois se ben falamos de Galicia e cantamos en galego, nos concertos convidamos a que todas as persoas conecten coas súas raíces e valoren as súas raigames. Dende o noso ser cantámoslle á humanidade.

6. Falemos un pouco do papel da muller no mundo da música. Existe a igualdade na industria? Vedes moitas diferencia cos vosos compañeiros homes?

Está claro que non é fácil ser muller e ser artista. Temos fillos e fillas, traballo, casas que atender e unha chea de responsabilidades.

IALMA é un proxecto, cunha misión, visión e ideoloxía, e ten habido moitos cambios en IALMA. Pero hai moitas IALMAS polo mundo: mulleres loitadoras, cheas de dignidade, mulleres que dan valor a cousas moi sinceras, que transmiten alegría, paixón e grandes verdades.

No camiño temos atopado mulleres de moita forza como Manou Gallo, Ghalia Benalí, Lucilla Galeazzi, Leila Amezian, Uxia, Guadi Galego, Mercedes Peon … mulleres que nun comezo non o tiveron nada fácil, pero que despois do difícil comezo van para diante imparables. Son exemplos para todas nós.

Nós sempre nos levamos moi ben cos músicos, porque os músicos -que en “Camiño” sempre son belgas: valóns e flamengos- adoran a nosa música e a forma que temos de valorar o traballo e de compartirmos. Cada vez que imos cantar é unha viaxe, é como ir de vacacións, aínda que sexa aquí á beiriña, e queremos desfrutalo.

Hai quen nos dixo que debiamos levar saias mais curtas e escotes máis grandes. É unha problemática que posiblemente sofren todas as mulleres no escenario. Non é doado de explicar. Pero non arredamos.

Xa tivemos experiencias non bonitas de contar, nas que tivemos que intervir sen reparos. A dignidade non se perde. Podemos perder concertos, manager, músicos… pero nunca a dignidade. Nunca cedemos a chantaxes. Somos unidas e non nos treme a man. Se lle hai que lle cantar as corenta a alguén, imos todas. Non hai desculpas que vallan.

7. Traballades con nenos refuxiados. A música pode ser curativa, e é un idioma universal e punto de encontro entre culturas. Vedes conexión coa historia destes nenos coa vivida polos nosos antepasados galegos?

Como dicimos nos concertos, aos que deixan a súa terra buscando un lugar para vivir e criar os fillos, hai oitenta anos chamábanlle emigrantes, hoxe chamámoslles refuxiados. A historia é a mesma. Todas as historias de migración non voluntaria son unha mesma e soa historia. Non hai nacionalidades, hai inxustizas e anceios de esperanza.

“O cantar do refuxiado” é a historia de todas e todos os que foxen da guerra e represión na procura dun futuro. É a historia de quen ten que marchar da súa terra, non porque queira, senón porque o botan. Exactamente a mesma historia cá de nosos pais.

É un cantar que fala dos nosos devanceiros e que fala da plena actualidade. Contribuímos como sabemos a enviar unha mensaxe que a toda a xente chega. Unha mensaxe de forza, unha mensaxe de solidariedade, por respecto a quen somos, por respecto á humanidade.

8. Falades de Tempos difíciles… Temos motivos para ser optimistas?
Si.

Aínda que sexan tempos duros e haxa quen pretenda impor o medo, cremos no xénero humano, cremos nas persoas, cremos na alegría, na bondade e na beleza. Contribuímos como sabemos facelo, cantando e sorrindo. E non hai máis que ver vibrar o publico cando escoita e cando aplaude. Dá para ver que o optimismo resoa e non queda no escenario.

Os camiños son estreitos, pero existen, e hai que transitalos, para que ancheen.

Aínda que vaiamos de vagariño, camiñamos.

Hai moita boa xente no mundo, aínda que os de corazón cativo fagan moito barullo.

IALMA rodéase de boa xente. Que agasallo da vida é que outros músicos nos chamen para cantar con eles!

Proba de que firmemente cremos que cómpre e paga a pena ser optimistas, évos o título do novo proxecto no que estamos traballando, “ALEGRÍA E LIBERTÁ”. Traballo que en galego e italiano que realizamos con Lucilla Galeazzi, grande muller á que moito admiramos e que hai vinte anos era xa unha veterana que nos dicía “nenas, nunca nunca paredes de cantar”… e iso facemos…

9. Como está sendo a acollida neste tour? Que esperades da vosa visita a Escandinavia?

Este tour ten historia xa.

Unha muller que se chama Eva Omagbemi, manager de varios grupos en Suecia, escoitounos na radio belga, nun directo que fixemos en “Le Monde est une village”. Esta muller preguntoulle a unha amiga súa austríaca se nos coñecía, e foi a amiga dende Austria quen nos chamou para ver se podiamos ir a Suecia… quere dicir que xa antes de comezar foi grande a viaxe.
E antes de irmos, xa temos contactos coas galegos de Escandinavia!

Que esperamos? Nun pais no que a xente ten reputación de ser moi culta musicalmente: aportar a nosa historia, misión, proxecto e alegría. Pois a onde queira que vaiamos non só levamos a nosa música, senón a historia e o proxecto de todas as persoa que nos precederon e en nome das que falamos.

Agardamos que vos guste e que desfrutedes tanto como nós desfrutamos.

10. Un tema do voso novo álbum chámase “Seremos”. Que quere ser Ialma?
Semente nova
novo alborar
con dignidade
xente de paz

Para ver máis videos de ialma