Eulália dá Silva Rocha, membro de embaixada.gal, aventurouse a realizar o Camiño de Santiago en solitario. O punto de partida foi a localidade francesa de Saint Jean Pried de Port e, por diante agardábanlle 830 km de aventuras, anécdotas, soidade,solidariedade,sufrimento, reflexión e silencio. 28 días tivo que agardar o Apóstolo para recibir a visita de Eulália na Catedral de Santiago. A súa fiel amiga e compañeira de viaxes, unha mochila con 11kg de peso repartidos entre roupa lixeira e básica especial para o aire libre, dous bastóns de apoio, un chubasqueiro, zapatos adecuados para o longo camiño e “Compeed” en abundacia para as bochas.
Cal foi a parte máis dura do Camiño?
A parte máis dura, sen dubidalo, foi o primeiro dìa; 1450 m de altitude. Unha xornada de once horas ata Rocensvalles con moitas horas de subida e unhas cantas horas máis de perigoso descenso, o que me orixinou as tres primeiras bochas do camiño. Foi un tramo que me marcou pola cantidade de cruces que hai en memoria das diferentes persoas falecidas nesta etapa do camiño.
Qué significou esta aventura na túa vida?
Unha gran experiencia e un agradecido período de reflexión. Fas o camiño con plena liberdade de mente e corpo. Valoras escoitar os paxaros piar polas mañás, o saír do sol, coñecer a xente de diferentes nacionalidades que comparten unha mesma meta contigo; sentes a liberdade do teu espírito; paz interior e exterior; gozas dun contacto directo coa natureza; a virtude de gozar do silencio, algo tan difìcil de apreciar nunha cidade como Frankfurt.
Se tiveses que destacar algo negativo que sería?
En Galicia atopeime con albergues municipais que dispoñían de marabillosas e amplas cociñas das que non podías sacar beneficio por carecer do enxoval necesario para poder servirnos e cociñar, algo que non me ocorreu no resto dos albergues nos que me aloxei durante a viaxe.