ONDA, anagrama do observatorio da nova diáspora, é unha iniciativa xurdida das conversacións con varias persoas da diáspora en Galicia. “Hoxe en día, as perspectivas sobre a emigración son moi variadas. Perdura unha visión sentimental e dramática que invisibiliza e silencia aos seus protagonistas. A emigración é algo inherente na sociedade galega, as súas raíces afúndense no pasado e maniféstanse nas sucesivas diásporas da era moderna. A súa importancia é fundamental na construción da identidade. Os propios símbolos de Galicia como o himno e a bandeira nacen na emigración. ONDA créase tras comprobar que a voz e a obra dos emigrantes está ausente do debate social. É necesario elaborar un novo discurso que erradique o estereotipo imposto de “ o galego non protesta, emigra”.
Así se dirixía aos lectores deste medio, Pepe Sendón, unha persoa moi vinculada ás actividades culturais, teatrais e musicais, tradutor, guionista, escritor, letrista e creador deste amplo proxecto. O observatorio da nova diáspora pretende ser un punto de encontro permanente para unha emigración que quere mostrar sen prexuízos as vivencias e a cultura que nace nas sociedades de acollida.
O concello de Santiago acolleu a proposta con gran entusiasmo e cedeu como sede permanente de ONDA, o Centro Cívico do Romaño.